Coordinador/a

A figura do(a) coordinador(a) E-DIXGAL

Para todos os docentes que desempeñan algunha función de coordinación no seu centro educativo resulta fundamental coñecer cales son as súas funcións como coordinador/a, os elementos que inflúen no seu traballo e as canles de comunicación axeitadas que debe utilizar cos equipos de soporte e asesoramento.
Con respecto á coordinación EDIXGAL, neste curso tentaremos dar unha visión dos aspectos básicos que determinan este labor de coordinación nun centro educativo.
Como punto de partida entenderemos que a figura do coordinador EDIXGAL ten como mínimo unhas atribucións similares ás de calquera outro dinamizador específico, dentro do centro educativo.
Ata o momento a figura do coordinador EDIXGAL non aparece recollida expresamente na normativa actual, pero sí figura a do coordinador TIC (dinamizador TIC).



Orde do 17 de xullo de 2007 pola que se regula a percepción da compoñente singular do complemento específico por función titorial e outras funcións docentes.
Artigo 8º.- Dinamización específica.
Apartado 3. En cada centro poderán existir dinamizadoras e dinamizadores específicos para realizar, cando menos, funcións referidas á biblioteca, convivencia escolar e soporte e dinamización das tecnoloxías da información e comunicación.
Apartado 5. A dirección designará unha persoa como dinamizadora responsable de cada proxecto específico, por un período de dous anos, priorizando a súa formación específica, a experiencia, o interese e a dispoñibilidade horaria. Actuará baixo a coordinación da xefatura de estudos, agás no caso da dinamización de apoio á xestión económica dos centros, que actuará baixo a coordinación do secretario ou secretaria.
Apartado 6. Os dinamizadores e as dinamizadoras específicos e o profesorado colaborador que dedique, polo menos, dúas horas semanais das complementarias fixas a estas funcións, terán dereito a percibir a parte do complemento específico correspondente, titoría e outras función docentes.

A pesar de que a normativa actual non define específicamente as funcións do coordinador/dinamizador EDIXGAL, na mesma orde citada anteriormente indícanse as funcións do dinamizador TIC que nos poden servir como referencia ou punto de partida.



Orde do 17 de xullo de 2007 pola que se regula a percepción da compoñente singular do complemento específico por función titorial e outras funcións docentes.
Artigo 14º.- Funcións da dinamización das tecnoloxías da información e a comunicación.
En colaboración co profesorado de apoio, serán as seguintes:
  1. Dinamizar e impulsar o uso das TIC do centro.
  2. Mantemento cotián dos equipamentos informáticos do centro, constituíndo o primeiro nivel de soporte destes, contando co apoio, nesta tarefa, do asesor ou asesora TIC da zona, sempre que as circunstancias así o requiran.
  3. Dar soporte, no uso didáctico, do equipamento informático do centro, ao resto do claustro, contando co apoio, nesta tarefa, do asesor ou asesora TIC da zona, sempre que as circunstancias así o requiran.
  4. Elaborará, por requirimento do equipo directivo e das liñas directrices da Comisión de Coordinación Pedagóxica, o proxecto TIC e a organización e xestión dos medios e recursos tecnolóxicos do centro.
  5. Asesorar, de ser o caso, no mantemento do sitio web do centro.
  6. Aqueloutras funcións que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria estableza na súa normativa específica.


Resulta evidente que a situación actual dos centros educativos en canto a infraestruturas tecnolóxicas, equipamento e proxectos educativos nos que participan, non é a mesma que a que tiñan os propios centros no momento de publicarse esta orde. Neste sentido, debemos interpretar todo o anterior como unha simple referencia para facernos unha idea das atribucións reais da figura do coordinador/dinamizador EDIXGAL na actualidade.

Finalmente e unido a todo o exposto ata agora, o(a) coordinador(a) EDIXGAL debe asumir como propios e ter sempre presentes os compromisos asumidos polo seu centro educativo ao entrar no proxecto EDIXGAL.
Estes compromisos indícanse na resolución da convocatoria do proxecto.


Resolución do 11 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa pola que se convoca a selección de centros para participar no proxecto Educación Dixital (E-Dixgal) durante o curso 2019-2020.
Sétimo. Compromisos dos centros educativos
Os centros educativos que sexan seleccionados mediante esta resolución deberán asumir, polo menos, os seguintes compromisos:
a) Desenvolver o programa segundo as pautas establecidas no proxecto presentado, que se incorporará ao proxecto educativo do centro, e impulsar a súa continuidade cando menos durante catro cursos escolares en en función da súa avaliación.
b) En colaboración coa Administración educativa, realizar unha adecuada divulgación da iniciativa entre toda a comunidade educativa, con especial incidencia no alumnado e nas familias, de xeito que se achegue a información necesaria e se realice a adecuada sensibilización en relación con este programa.
c) Realizar un seguimento periódico das actuacións previstas no programa.
d) No caso do profesorado implicado e do equipo directivo, segundo corresponda, deberá participar nas actividades de formación vinculadas ao proxecto que se planifiquen tanto desde a centro como desde a Consellería.
e) Garantir a participación activa da persoa coordinadora do proxecto e dalgún membro do equipo directivo nas reunións de traballo que desde a Administración educativa se establezan.
f) No caso da comunidade educativa, participar activamente no deseño, aplicación e avaliación das actuacións previstas no programa.
g) Manter o programa durante catro cursos académicos
h) No caso do profesorado participante, comprometerse a participar na formación específica que se oferte dentro do programa. A formación no centro articularase obrigatoriamente no marco dos Plans de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) , para o que recibirán o asesoramento da Rede de Formación do Profesorado.
i) Colaborar na detección e difusión das boas prácticas para a educación dixital tanto a niveis formativos como de divulgación e comunicación.