Resolución do 2 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional pola que se convoca a selección de centros para participar no proxecto Educación Dixital (E-Dixgal) durante o curso 2021-2022.
Sétimo. Compromisos dos centros educativos
Os centros educativos que sexan seleccionados mediante esta resolución deberán asumir, polo menos, os seguintes compromisos:
a) Desenvolver o programa segundo as pautas establecidas no proxecto presentado, que se incorporará ao proxecto educativo do centro, e impulsar a súa continuidade cando menos durante catro cursos escolares en en función da súa avaliación.
b) En colaboración coa Administración educativa, realizar unha adecuada divulgación da iniciativa entre toda a comunidade educativa, con especial incidencia no alumnado e nas familias, de xeito que se achegue a información necesaria e se realice a adecuada sensibilización en relación con este programa.
c) Realizar un seguimento periódico das actuacións previstas no programa.
d) No caso do profesorado implicado e do equipo directivo, segundo corresponda, deberá participar nas actividades de formación vinculadas ao proxecto que se planifiquen tanto desde a centro como desde a Consellería.
e) Garantir a participación activa da persoa coordinadora do proxecto e dalgún membro do equipo directivo nas reunións de traballo que desde a Administración educativa se establezan.
f) No caso da comunidade educativa, participar activamente no deseño, aplicación e avaliación das actuacións previstas no programa.
g) Manter o programa durante catro cursos académicos
h) No caso do profesorado participante, comprometerse a participar na formación específica que se oferte dentro do programa. A formación no centro articularase obrigatoriamente no marco dos Plans de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) , para o que recibirán o asesoramento da Rede de Formación do Profesorado.
i) Colaborar na detección e difusión das boas prácticas para a educación dixital tanto a niveis formativos como de divulgación e comunicación.